Friday 26 de April de 2024

Os Reis Magos iniciarán este martes en Moeche o seu percorrido pola comarca


O Concello e a ANPA do CEIP San Ramón organízanlles unha festa de benvida a partir das 17:30h

Desde hai uns anos, Melchor, Gaspar e Baltasar sempre elixen Moeche para facer a súa primeira parada na comarca. Volverán, coma sempre, dous días antes das cabalgatas multitudinarias, con tempo de sobras para poder atender sen apuros todas as peticións e bos desexos das nenas e nenos do noso concello… e de toda aquela cativería e familias que queiran achegarse á Nave do Mercado na tarde deste martes 3 de xaneiro a partir das 17:30h.

Para recibir as Súas Maxestades como merecen, o Concello e máis a ANPA do CEIP San Ramón colaboran organizando unha festa de benvida na que ademais de obradoiros, xogos, inchables e música tamén haberá chocolate ben quentiño e churros acabados de facer.

Salvo imprevistos na súa viaxe, os Magos de Oriente chegarán a Moeche sobre as 19:00h e atenderán os pequenos até aproximadamente as 20:00h, ou incluso ata algo máis tarde se fose necesario.

Os Reis Magos levan varios anos chegando a Moeche moito antes que a calquera outro concello da volta. Segundo comenta Beatriz Bascoy a visita anticipada de Melchor, Gaspar e Baltasar ten varias vantaxes. A primeira é que a rapazada e as familias “evitan apuros e aglomeracións na noitiña do 5 para recordarlles o que xa lles escribiron nas cartas”.

Outras vantaxes, segundo a rexedora, son que “Melchor, Gaspar e Baltasar, que veñen sen présas, poderán ofrecerlles ás nenas e nenos unha atención moito máis personalizada” e que a rapazada terá dúas oportunidades para velos, “unha o martes en Moeche e outra o xoves en calquera das cabalgatas que se organizan na comarca”.